D. Evaristo Vaamonde

D. Evaristo Vaamonde

D. Evaristo Vaamonde

O 8 de xaneiro de 1880 nace en San Pedro de Moreiras, D. Luciano Evaristo Vaamonde da Cortiña, fillo de Manuel e de María, sendo bautizado, segundo os costumes da época, ao día seguinte. Na súa aldea vive os primeiros anos da vida, ata que entra a estudar no Seminario Conciliar de Ourense. Alumno mais ben normal, nos primeiros anos, as cualificacións dos últimos son brillantes. Recibiu a ordenación sacerdotal en xuño de 1906, sendo destinado como coadxutor á parroquia de Santa María de Sobrado do Bispo.
Monseñor Ilundain, bispo de Ourense, gran amigo e protector seu, mandao como coadxutor á parroquia de San Estebo de Allariz, onde o encontramos en 1909. Tres anos mais tarde é destinado, xa como párroco, a San Verísimo de Seixalbo, onde chega o 1 de xaneiro de 1912. Nesta parroquia traballará durante seis anos, nos que terá que sufrir unha forte epidemia de gripe. Unha nova campá, restaurar o retablo da igrexa son algunhas das cousas que fixo durante eses anos.
A seguinte etapa foi en Sobrado do Bispo, preto da súa parroquia natal, San Pedro de Moreiras. Alí permanece ata 1930, no que é destinado ao Carballiño, foi nomeado párroco o 10 de xaneiro de 1930, recén cumpridos 50 anos de vida. Ao comezo non tivo unha boa acollida, por un lado en Sobrado, onde estaba, non querían que se fose, e por outro no Carballiño, contaban que o párroco sería outro, D. Florencio, ao que as xentes xa lle tiñan moito cariño. A súa chegada ao Carballiño foi case de incógnito. Saudóu a varias persoas e dixo: “ben agora vou coñecer a miña igrexa”, e foise a rezar nela, ao sair do templo comentou: “Esta igrexa é ben pequena, eu quero un pazo para o Señor…”, desexo que faría realidade coa construcción do Templo da Veracruz.
Tras facer algúns arranxos na casa parroquial, en moi mal estado, o teito da igrexa parroquial e outras obras, decide emprender a construcción do Templo da Veracruz, labor na que gastará todas as súas forzas ata a súa morte, o 17 de abril de 1961. Viviu na pobreza mais absoluta, todos os recursos económicos que lograba xuntar eran para os seus parroquianos e o seu Templo da Veracruz. Moi querido por os cativos, xeneroso con todos e dunha profunda espiritualidade, a súa morte produxo un fondo penar nas xentes do Carballiño que o nomearon “fillo predilecto”. A súa figura quedou entrañablemente unida ao Carballiño e ao seu Templo da Veracruz.
Para mais informacións, aconsellamos ler o moi bo libro de D. José Ramón Hernández Figueiredo: “Don Evaristo, párroco de Carballiño y promotor de la Vera Cruz”, estudo profundo e ben documentado sobre D. Evaristo.